As tecnoloxías da linguaxe centran en Santiago a asemblea e a conferencia anual da NPLD

xoves, 25 de abril do 2024 S. P.

A Cidade da Cultura acolleu este xoves 25 de abril a xornada da asemblea xeral da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), que se desenvolveu no Gaiás durante todo o día e rematou cunha visita a Compostela. Participaron, entre outros representantes do Goberno galego, o conselleiro de Cultura, Xosé López, e máis o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
As sesións continuarán este venres 25 no Gaiás coa conferencia anual da NPLD, que nesta edición tratará o impacto das tecnoloxías da linguaxe, e porá o broche de ouro cunha visita cultural por Padrón e Cambados.
Unha vintena de linguas minoritarias
A Cidade da Cultura reúne estes días representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa, co gallo da asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE.
Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, actúa como anfitrioa nos eventos deste 2024.
Na apertura oficial da asemblea participou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Xosé López Campos, que animou os preto de 70 participantes de toda Europa congregados no Gaiás a percorrer as rúas de Santiago, “unha cidade que é símbolo como moi poucas do carácter multilingüe de todas as sociedades humanas”.
Na xornada tratáronse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentáronse varios informes, e mostráronse propostas e medidas para continuar no camiño da promoción da diversidade lingüística en Europa.
As tecnoloxías da linguaxe nos ámbitos social e económico
Este venres 25 de abril celebrarase a conferencia anual da NPLD titulada O Impacto das tecnoloxías da linguaxe nos ámbitos social e económico. O relatorio principal versará sobre o Proxecto Nós, que impulsa a Xunta de Galicia e executa tecnicamente a Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de introducir de pleno a lingua galega no mundo da Intelixencia Artificial. A exposición estará a cargo de Senén Barro e Elisa Fernández Rei, director e directora do CiTIUS e do Instituto da Lingua Galega (ILG), respectivamente.
O broche de ouro a estes dous días de convivencia porao unha visita cultural por Padrón, que inclúe as Fundacións Camilo José Cela e Rosalía de Castro, e Cambados.

PUBLICIDADE