25 anos da Rede en Galicia

En febreiro de 1993 o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) conectouse por primeira vez coa Internet, e para celebrar os 25 anos de tal fito xuntamos o pasado 12 de marzo no Edificio CINC da Cidade da Cultura ao catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e director do CESGA en 1993, Juan Casares-Long; o subdirector técnico do CESGA e técnico de RECETGA, José Ignacio López Cabido; o responsable de comunicacións do CESGA en 1993, Juan Luis Ruiz Buján; o profesor emérito de Física Teórica da USC, Carlos Pajares; e o autor de Historia da Informática. Unha cronoloxía, Henrique Neira.
Este foro tecnolóxico serviu para facer un repaso da chegada da Internet a Galicia, e co gallo do Día Internacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (así como o Día das Letras Galegas) queremos abrir ao público un vídeo no que pode rememorarse o encontro, e co que queremos retomar a nosa canle de vídeo en YouTube, que nas vindeiras semanas irase enriquecendo con contidos que esperamos que sexan de interese para os nosos lectores.