«Fixemos un gran esforzo por potenciar o sector TIC para que competise no mercado global» – Carlos Vázquez (AMTEGA)

Vén de recibir o Premio a Traxectoria Profesional polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Carlos Vázquez Mariño, director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), comezou a súa andaina profesional no ano 1998 no sector privado desenvolvendo proxectos web. En 2009 mergullouse no sector público e dende entón non parou de traballar para á sociedade galega. Falamos con el para facer un percorrido pola súa vida profesional.

– Que significa para vostede, vindo o galardón de que vén, o Premio a Traxectoria Profesional?
Unha mestura de sentimentos, por un lado a satisfacción de recibir un premio, un sentimento agradable, aínda que eu non o vexo como un premio á traxectoria profesional senón á traxectoria dun equipo. Por outra banda, é un agradecemento porque considero que o mellor premio que che poden dar nunha profesión é o que dan os propios compañeiros, por tanto o meu agradecemento tanto ao colexio coma aos compañeiros que fixeron posible ese premio. E por último un sentimento de responsabilidade porque, como enxeñeiro e colexiado, recoñezo que este premio é un recoñecemento a un bo facer colectivo, a unha ética que establece un nivel de esixencia que no futuro pode ser maior.

Semella que vostede dende o primeiro momento estivo ligado á transformación tecnolóxica. Comezou impulsando a evolución dixital do sector bancario e, dende 2009, facendo avanzar os novos modelos de xestión na Administración autonómica. Está claro que a súa experiencia profesional foi un continuo ollar cara a diante…
-A verdade é que xa pasaron uns cantos anos desde ese comezo nun sector tipicamente tradicional onde os cidadáns acudían as oficinas bancarias para realizar calquera trámite. Comezamos ese desenvolvemento da canle de Internet, a banca electrónica, sen albiscar moito cara a onde ía. Agora a maior parte dos cidadáns realizan calquera trámite sen pisar unha oficina. Son procesos complexos que levan moito tempo pero ao final van conseguindo beneficios para os cidadáns tanto no sector privado coma na Administración Pública.

– A súa andaina profesional está estreitamente ligada a AMTEGA, hoxe en día como director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da axencia. En que consiste exactamente o seu labor na entidade?
-Para poñer en contexto, a AMTEGA é a axencia pública autonómica que se encarga tanto de definir como executar as políticas públicas de tecnoloxía. En colaboración coas consellerías e organismos dependentes desenvolvemos todos aqueles proxectos onde a tecnoloxía pode axudar ou acompañar, tanto no labor interno da administración coma naquelas tarefas da cidadanía que queren materializar esas consellerías. Nese ámbito, eu encárgome de levar a cabo e dirixir proxectos nas distintas consellerías da Xunta de Galicia.

– Está claro que a axencia é un referente galego, estatal e europeo en materia de impulso tecnolóxico pero tamén é unha entidade decisiva en materia de loita contra as fendas dixitais. Cales son as principais contribucións de AMTEGA á sociedade galega?
-Evidentemente temos unha dobre vertente. Unha das nosas finalidades é acompañar ás consellerías e distintos organismos en materia tecnolóxica pero temos un segundo labor. Por unha banda, impulsar o sector TIC de Galicia e, pola outra, achegar a tecnoloxía á cidadanía en xeral. Temos traballado para que a conectividade chegue a toda Galicia, un territorio demográfica e xeograficamente complexo, tamén na formación e capacitación tecnolóxica dos cidadáns, porque a tecnoloxía é o presente e todos os galegos teñen que ter os coñecementos mínimos para aproveitarse dela. E, por último, tamén fixemos un gran esforzo en potenciar o sector TIC de Galicia, un sector forte con capacidades para desenvolver proxectos aquí na terra coma competir nun mercado global.

– Os estudos de informática son claves para incrementar as opcións laborais da nosa mocidade. Porén, semella que non son os estudos preferidos polas mozas estudantes. Onde cre vostede que radica o problema e que cousas considera que podemos facer para emendalo?
-Non é unha problemática sinxela de resolver. Hai uns anos, en colaboración coa Consellería de Educación, fixemos un estudo preguntando aos rapaces que estudan secundaria e bacharelato sobre os factores influían na súa decisión de estudar unha carreira e, tamén, sobre que era o que non lles facía atractivo estudar algunha das titulacións relacionadas con este sector. Coa primeira pregunta o que se comprobou é que había factores de ambiente familiar e social que influían na súa decisión. En canto á segunda pregunta si que se percibían condicionantes máis ligados á propia imaxe do sector, unha imaxe de dificultade e de non saber as saídas profesionais que teñen. Isto acrecentábase no caso das rapazas, que percibían o sector como masculino, por tanto tiñamos outra barreira que vencer que era esa percepción. Este é un sector válido, tanto por dificultades como por capacidades, e igualitario para homes e mulleres. Para levar a cabo este cambio hai que facer un traballo de comunicación e marketing entre o sector e as administracións porque non é un cambio que se poida producir a curto prazo.

Nos últimos anos puidemos ver numerosas iniciativas integradas na Axenda Dixital de Galicia 2020. Agora que se achega a data de remate dese plan iniciado hai 4 anos, cal considera que foron os avances conseguidos?
-Nestes últimos anos levamos proxectos potentes no ámbito educativo, como o proxecto Abalar, e no ámbito dos servizos sociais creouse a Historia Social Única Electrónica, un pouco a semellanza do historial clínico no SERGAS. No sector primario impulsáronse iniciativas innovadoras ao abeiro do uso de vehículos non tripulados ou co uso de tecnoloxías innovadoras no ámbito das lonxas, ou no propio transporte. Como balance, temos proxectos de transformación importantes en moitos sectores e, como obxectivo de cara a medio prazo. temos o desenvolvemento dunha axenda moito máis enfocada cara aos cidadáns.

– Trala Axenda Dixital de Galicia 2020 teremos unha Estratexia dixital de Galicia 2030. A contorna dixital é moi cambiante, estamos a adiantarnos demasiado na planificación ou as liñas que temos que seguir están moi claras?
-Sempre temos que ter un obxectivo cara a onde camiñar e ese obxectivo ten que ser a medio prazo porque nos permite ir desenvolvendo outras iniciativas máis de curto prazo pero tendo claro o obxectivo final.

– Poderiamos pensar que para a modernización da nosa terra o máis importante son as infraestruturas de telecomunicacións pero, onde considera que é actualmente crítica unha maior adopción das TIC?
-Galicia conta cunhas infraestruturas de telecomunicacións axeitadas. Feito isto, agora o que toca é desenvolver servizos para os cidadáns, elementos de transformación que permitan que, aproveitando estas infraestruturas, tiren partido dos servizos e oportunidades deses elementos.

– Galicia conseguiu colocarse en cabeza na adopción do 5G no ámbito estatal. Lograremos que con este tipo de iniciativas certa xeración de emprego e oportunidades, así como de retención de talento na nosa terra? 
-Isto xa é unha liga que non se xoga só a nivel autonómico, polo que posicionarse como referencia a nivel nacional nestas tecnoloxías emerxentes é importante porque nos sitúa nunha casiña de saída de oportunidades de traballo, empresariais e de competir nun mercado global. Por tanto, é importante que busquemos unha posición axeitada e apostemos como elemento estratéxico. Eu penso que isto suporá oportunidades laborais non só a nivel estatal senón a nivel global.

-Un desexo de cara ó futuro?
-A nivel persoal poder seguir traballando e continuar facendo proxectos de transformación que melloren as vidas dos cidadáns e que o sector TIC de Galicia vaia collendo ese peso que lle permita competir nun mundo globalizado e por tanto converter a Galicia nun referente.