«As matemáticas son moi transversais» – Peregrina Quintela (ITMATI)

O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), creado en 2013, supuxo un importante fito de agregación de recursos entre as tres universidades galegas para promover a transferencia de tecnoloxía matemática e dar respostas eficaces e áxiles ás demandas das empresas, as industrias e as administracións públicas. Os días 22, 23 e 24 de xullo celebrou a 1ª Conferencia sobre Transferencia entre Matemáticas e Industria (CTMI 2019) na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, en colaboración coa Red Española Matemática-Industria (math-in).
Durante este evento internacional déronse a coñecer avances significativos no eido da Matemática Industrial e co gallo da súa celebración falamos coa directora do ITMATI, Peregrina Quintela Estévez, licenciada en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora pola Universidade Autónoma de Madrid e pola Universidade da Sorbona. É catedrática de Matemática Aplicada da USC. Ao longo da súa traxectoria ten traballado de xeito incesante no achegamento das universidades á industria, tanto dende o ámbito investigador como a través da posta en marcha de infraestruturas aglutinadoras que facilitan a transferencia do coñecemento matemático. Nesta liña, liderou a creación da Red Española Matemática-Industria, da que é presidenta dende a súa fundación; a posta en marcha do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, que dirixe dende a súa creación; e tamén ten participado na fundación do European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation.

Que representa o feito de que Galicia sexa a sede dun encontro dos mellores expertos internacionais no campo da Matemática Industrial?

– É una consecuencia natural do recoñecemento da Matemática Industrial galega. Cómpre ter en conta que o CTMI 2019 é a primeira edición dun congreso nacional centrado en promover a transferencia de tecnoloxía e ser un foro español de encontro bianual do mundo académico co sector industrial e empresarial, un concepto de congreso totalmente innovador. É unha iniciativa da Rede Española Matemática-Industria, na que tamén colabora a rede europea EU-MATHS-IN, que nesta primeira edición confiou na experiencia do ITMATI para axustar o seu deseño coa idea de garantir o éxito nos obxectivos marcados. Neste senso contar cunha representación moi significativa de expertos internacionais no campo da Matemática Industrial, e tamén de grandes usuarios desta metodoloxía do mundo empresarial, é todo un éxito e un orgullo para a Matemática Industrial galega.

Cales son algúns dos avances más innovadores das Matemáticas para resolver problemas da industria e da sociedade que se presentarán neste foro?

– As Matemáticas son moi transversais e teñen aplicación en practicamente todos os campos da vida. O que se vai poder percibir neste CTMI 2019 é soamente un escaparate da multitude de aplicacións da Matemática Industrial. Con esta idea presentaremos resultados xa acadados en diversos sectores como automoción, biomedicina, enerxía e medio ambiente, loxística, Big Data e Intelixencia Artificial. Amosaranse aplicacións tan diversas como o amortiguamento dos sistemas de freado para evitar que rechíen; o deseño da fabricación centralizada e distribuída de biomasa; a planificación, realización e control eficientes do fluxo de pacientes, materiais e información no sector sanitario; ou a obtención en tempo real de estimacións fiables das posicións, velocidades ou aceleracións de vehículos como trens, coches ou mesmo avións non tripulados. 

Que sería preciso potenciar para favorecer un maior achegamento do mundo académico e empresarial no caso das Matemáticas?


– Estou convencida de que para mellorar este achegamento é preciso incorporar ao sistema a un novo tipo de profesionais, os tradutores tecnolóxicos, que deberían ser a bisagra de encontro entre o mundo académico e industrial, e facilitar a consolidación destes profesionais en estruturas como ITMATI, math-in ou EU-MATHS-IN. Pensar que isto é posible soamente usando financiamento privado é un erro maiúsculo; o financiamento público debe incrementarse neste contorno non tan clásico pero que é importante para o desenvolvemento dunha nova economía no país baseada na tecnoloxía.

Considera que é preciso renovar os plans de estudo actuais no relativo ás Matemáticas?

– Matemáticas é unha das carreiras con máis demanda debido a unha taxa de paro practicamente nula, e isto nun momento no que a incorporación como profesionais na ensinanza é moi baixa. Pódese ver como a revolución dixital, que se está a levar un cabo na industria e nas institucións, está baseada en incluír tamén aos matemáticos como peza clave. Esta situación é o resultado de moito traballo ao longo dos anos; de xeito que a transferencia de coñecemento matemático, a posta en marcha de foros de interacción matemática industria, os grupos de estudo coa industria, os traballos de fin de máster en colaboración coas empresas, e mesmo os doutorados industriais, son un bo caldo de cultivo para unha renovación constante da ensinanza neste eido das Matemáticas, cuns programas nos que cada vez máis as aplicacións marcan os camiños da aprendizaxe. De novo o recoñecemento desta inxente labor na carreira científica do profesorado debe mellorar, xa que é unha estratexia clave para que a Academia e a Industria acaden un clima de confianza e interacción continuada.

En que medida Galicia é un referente en Matemática Industrial?

– Galicia leva traballando nesta liña de xeito continuado dende principios dos anos 80 do século pasado. Foi unha visión extraordinaria do profesor Bermúdez de Castro, que naqueles momentos era totalmente innovadora sobre a capacidade das Matemáticas para resolver problemas reais e axudar ás empresas, industrias e institucións a avanzar de forma máis rápida e segura. Tamén axudou a gran capacidade de colaboración dos matemáticos galegos das tres universidades, que traballaron ao unísono para por en marcha titulacións oficiais conxuntas tanto no ámbito da simulación numérica como nos da Estatística e Big Data e da Optimización.

Que din as cifras?

–Recentemente fíxose unha análise da evolución da transferencia en España no período 2008-2018, no que se amosou que Galicia aporta un 13% dos grupos de investigación españois que manifestaron facer transferencia matemática, e os recursos captados por contratos directos coa industria representan non obstante un 63% do conxunto nacional, sendo o 90% deles acadados na actualidade a través de ITMATI. Isto quere dicir que a confianza dos clientes na resposta do centro e dos seus investigadores é moi boa, e esperamos seguir así no futuro. Ademais, nos últimos observamos como noutros países están a tomar nota da nosa fórmula.