A UDC consegue unha cátedra ENIA para un proxecto sobre IA e Algoritmos Verdes que desenvolverá con Inditex

xoves, 25 de xaneiro do 2024 S. P.

Un grupo de persoal investigador da Universidade da Coruña vén de conseguir unha das 21 cátedras ENIA (Estratexia Nacional en Intelixencia Artificial) que concede o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. Estas axudas, convocadas a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, financian as cátedras universitarias dedicadas á investigación, divulgación, docencia e innovación sobre IA.
Unha das temáticas susceptíbeis de financiamento no marco desta convocatoria eran os métodos de investigación que buscan reducir o impacto ambiental das aplicacións informáticas, así como o seu uso para atopar solucións sustentábeis, máis coñecidos como “algoritmos verdes”. Esta categoría foi a escollida polo grupo de investigadores da UDC, liderados pola doutora en Informática (e investigadora do CITIC da Universidade da Coruña) Verónica Bolón Canedo, para presentar o seu proxecto en colaboración coa multinacional téxtil Inditex: a Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes.
O proxecto ten como finalidade “promover a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da Intelixencia Artificial e dos algoritmos verdes co fin de contribuír ao desenvolvemento sustentábel e á protección do medio ambiente, sendo algúns dos obxectivos específicos desenvolver programas de formación en IA verde mediante a impartición de cursos e a creación dun programa de doutoramento na materia; promover a investigación e a innovación no ámbito da IA verde mediante a identificación de retos e o fomento da cooperación público-privada; ou facilitar a transferencia e explotación dos resultados da investigación da cátedra mediante a comercialización de servizos e produtos e a creación de spin-offs”.
Segundo Verónica Bolón “a incorporación e colaboración coa multinacional Inditex no marco desta cátedra, permitiranos abordar novos retos aos que se enfronta a industria e, por outra banda, servir como plataforma para probar e escalar os resultados que se xeran no marco da cátedra”. Neste sentido, “Inditex está incorporando a IA, a automatización e o Big Data á súa estratexia empresarial e a súa cadea de subministración como compromiso decisivo”, engade.
O equipo de persoas que forman parte da cátedra está composto por 20 membros, 16 dos cales adscritos ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC (CITIC). Do colectivo total, 10 son mulleres e 10 homes. Trátase dun grupo multidisciplinar “como é necesario en investigación en algoritmos verdes”, sinala a investigadora principal do proxecto, que require o apoio de grupos de investigación do eido da Intelixencia Artificial e da informática, de problemas medioambientais, e da investigación ética, social e económica.
Nomes Investigadores Cátedra
A impulsora da cátedra, Verónica Bolón, destaca que a súa creación supón a nivel científico “a unión de persoal investigador de IA que xa conta cunha traxectoria ampla de colaboración no marco da actividade do CITIC, con reputados investigadores de novas disciplinas como a Psicoloxía, o Dereito, a Lingüística, a Robótica, o Urbanismo/Construción”. Segundo comenta, “esta combinación de investigadores multidisciplinares axudará sen lugar a dúbida a abordar novas liñas de investigación e dar solución aos problemas e retos identificados no ámbito dos algoritmos verdes".
Malia que a resolución de concesión de cátedras ENIA do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, que se fixo pública este mércores 24 de xaneiro, é aínda provisional; a Universidade da Coruña confirmou que “a creación da Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes será unha realidade unha vez que transcorra o prazo de dez días hábiles que o Ministerio concede para a aceptación e o envío da documentación necesaria para a posta en marcha do proxecto”.
As actuacións desenvolvidas por esta nova cátedra UDC disporán dun financiamento con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de preto de 900.000 euros, cun prazo de execución que remata o 31 de decembro de 2025. A partir de entón o proxecto deberá continuar desenvolvéndose como mínimo un ano máis co financiamento de Inditex.

PUBLICIDADE