GameStop pechará as súas tendas en España
luns, 15 de setembro do 2014
Cando hai pouco máis de dous anos a matriz da cadea de
tendas GAME quixo desfacerse do seu negocio de tendas de videoxogos en España e
Portugal, xurdiron
rumores que apuntaban a que GameStop podería ser quen absorbese a rede de
establecementos dedicados ao lecer electrónico, pero finalmente foi Cherrilux
Investments (filial de OpCapita) quen adquiriu o negocio. Resulta así
bastante rechamante que hoxe GameStop
anuncie dende Reino Unido que prepara a súa saída do mercado español a
través da venda parcial das súas tendas, curiosamente á súa competidora GAME,
co que pretenden que este cese de actividade resulte o menos traumático posible
para clientes, traballadores, vendedores e accionistas.
Esta decisión tomouse despois de analizar a situación de GameStop en distintos
países europeos, decidindo centrarse nos mercados onde a marca conseguiu unha
cota de mercado máis importante. Agora teñen que presentar este acordo de venda
dalgúns dos establecementos de GameStop a GAME ás autoridades da competencia
para que autoricen a operación que podería completarse no mes de outubro.
Actualmente GameStop ten
numerosas tendas en Galicia, estando presenten en A Coruña, Lugo, Ourense,
Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa, e aínda que non se
detallaron aínda os que permanecerán en activo, xa se filtraron a
través de foros na web os documentos que están a recibir os traballadores da
firma nos que se lles comunica que tras 9 anos de investimento en España
foi imposible conseguir construír un negocio rendible, buscando agora
transferir o negocio a outro retailer
para asegurar o meirande número de postos de traballo posible, dando por feito
que antes do 1 de outubro completarase a negociación cos traballadores e con
outras partes para definir o itinerario de partida de GameStop do noso mercado.
É de agardar que o número de peches definitivos das tendas sexa bastante
elevado, xa que moitos dos establecementos de GameStop están situados na
proximidade dos de GAME, o que reduciría o seu atractivo de compra, e queda por
ver se iso se traducirá nunha liquidación do material en stock
ou na súa venda directa a GAME.