O Atari 400 volve como consola mini

xoves, 8 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

O vindeiro 28 de marzo vai chegar ás tendas a un prezo de 119,99 euros unha nova consola de videoxogos retro, a THE400 Mini, que vén a ser unha especie de versión miniaturizada do Atari 400 (equipo lanzado en 1979), aínda que con compatibilidade para xogos de Atari 400/800, XL e XE, así como da consola Atari 5200. Esta consola tamén inclúe unha recreación do mando Atari CX-40 e 25 xogos clásicos precargados, contando tmaén con portos USB para poder conectar accesorios (como mandos e teclados) e incluso cargar outros xogos compatibles.
A listaxe de xogos que incluirá a consola vén de relevarse, e é bastante variada, con auténticos imprescindibles como Asteroids, Centipede e Missile Command, completándose a listaxe con Airball, Basketball, BattleZone, Berzerk, Boulder Dash, Bristles, Capture the Flag, Crystal Castles, Elektraglide, Encounter!, Flip and Flop, Henry’s House, Hover Bovver, Lee, M.U.L.E., Millipede, Miner 2049er, O’Riley’s Mine, The Seven Cities of God, Star Raiders II, Wavy Navy e Yoomp!.
Esta curiosa consola retro mini pode xa reservarse en tendas da cadea GAME.

Vídeo promocional no que podemos ver os xogos precargados na THE400 Mini

PUBLICIDADE