RØDE potencia o uso do iPhone como cámara de vídeo

luns, 15 de abril do 2024 Marcus Fernández

Dende RØDE parecen convencidos de que os dispositivos móbiles teñen un grande peso como cámaras de vídeo, e presentan un par de accesorios para dotar aos smartphones de maiores facilidades para a captación de vídeo de calidade empregando accesorios.
Por unha banda temos a Phone Cage, unha gaiola magnética que facilitan o agarre do smartphone durante as gravacións, así como a posibilidade de engadir micrófonos e luces a través das súas zapatas. Para suxeitarse ao móbil conta cun disco magnético potente, polo que temos claro que a intención da xente de RØDE é que este accesorio se empregue co iPhone, tirando proveito da tecnoloxía MagSafe.
O produto chegará á venda este mesmo mes, e o seu prezo recomendado será de 149 euros.
Tamén é bastante semellante o Magnetic Mount, un sistema de montaxe magnético que tamén está deseñado pensando en tirar proveito do MagSafe, que pemriten engadir luces, micrófonos e outros accesorios a un iPhone a través de até 3 brazos extraíbles.
Este accesorio é máis compacto e transportable, e sairá á venda en poucos días a un prezo recomendado de 110 euros.
RØDE parece ter moi clara a alta demanda de accesorios para empregar o iPhone como cámara de vídeo, e dado que esta compañía comercializa numerosos micrófonos aptos para o seu uso co smartphone, lanzar ao mercado produtos que faciliten a súa integración pode ser un importante tractor para as vendas da marca.

PUBLICIDADE