Rabbit presenta un orixinal asistente de IA

mércores, 10 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración do CES presentouse un curioso dispositivo chamado r1, que nun tamaño semellante a un paquete de Post-It e cun peso de 115 gramos integra un procesador MediaTek Helio P35, 4 GB de RAM, 128 GB de almacenamento, conector USB-C, rañura para tarxeta SIM, Wi-Fi, pantalla táctil de 2,88 polgadas, un botón, unha roda de desprazamento e unha cámara rotatoria, que promete tirar proveito da intelixencia artificial para que poidamos traducir as nosas palabras en accións.
Falamos dun produto que pode lembrarnos á proposta de Humane, que quere comercializar o seu Ai Pin por 699 dólares aos que habería que sumar unha conta mensual de 24 dólares, pero desta volta o dispositivo só custa 199 dólares e non precisa de subscricións para funcionar, polo que ten unha porta de entrada moi accesible.
Este trebello funciona con Rabbit OS, un sistema operativo construído sobre un grande modelo de acción (LAM) que promete aprender das intencións e o comportamento dos humanos cando empregan certas aplicacións para poder imitalo e poder empregalas no futuro con axilidade e fiabilidade. Incluso podería interactuar con servizos que contasen cunha API sen ter que instalar a aplicación correspondente. Deste xeito facilitaría a realización de accións sen unha intervención directa do usuario, simplificándolle así moitas tarefas.
A interacción co dispositivo realizaríase mediante linguaxe natural, de xeito que poderiamos realizar tarefas sinxelas como acender unha luz ou comprobar a predición meteorolóxica para mañá, así como tamén poderiamos encargarlle a realización de operacións complexas como facer unha reserva de hotel ou realizar a compra diaria nun supermercado en liña.
Haberá que ver se este produto cumpre co que promete e se o público está disposto a adquirir asistentes de IA como dispositivos de hardware (aínda que conten cun deseño curioso que pode lembrarnos a un Tamagotchi), xa que parece bastante razoable pensar que este tipo de funcións poden integrarse directamente nun smartphone, en vez de ter que cargar cun dispositivo adicional.

Vídeo de presentación do r1 de Rabbit

PUBLICIDADE