Rabbit fai realidade o seu asistente r1

mércores, 24 de abril do 2024 Marcus Fernández

No CES de Las Vegas amosouse ao mundo o curioso dispositivo r1 de Rabbit, que nun tamaño compacto e un deseño máis semellante a un xoguete que a un smartphone prometía servir de asistente capaz de efectuar numerosas accións valéndose da interpretación da linguaxe natural.
Este trebello podía adquirirse a un prezo de 199 dólares, e finalmente hoxe chegan aos compradores as primeiras unidades (quen o pida agora recibirá o produto a partir de xuño), aínda que deixando claro dende o primeiro momento que estamos ante un produto moi verde, que ten pendentes numerosas integracións para que poida ser realmente útil, aínda que xa anticipan as integracións nas que están a traballar agora mesmo e as que chegarán en poucos meses, para que os consumidores non se leven a engano.
Aínda que resulta inevitable a comparación do Ai Pin de Humane, estamos ante unha situación moi diferente, principalmente porque as expectativas levantadas por Rabbit son moito máis discretas, e o seu produto nin depende dunha subscrición nin ten un prezo semellante ao dun móbil de gama alta.
No seu estado actual o r1 de Rabbit é moi semellante a un smartphone de gama baixa, cun procesador modesto e unha pantalla de só 2,88 polgadas, polo que os usuarios son conscientes en todo momento que están ante un dispositivo para xogar coas posibilidades dun futuro no que a IA poida ser unha ferramenta útil no día a día. O produto non só recoñece a nosa voz para que lle deamos ordes, senón que tamén conta cunha cámara que serve para recoñecer o que temos ao noso redor, o que abre moitas posibilidades.
Probablemente a grande sorpresa do r1 é que as accións que pode facer este dispositivo execútanse en poucos segundos, en contraste cos longuísimos tempos de espera do Ai Pin de Humane, o que leva a pensar que este dispositivo para todo teñen un grande potencial, aínda que resulta difícil xustificar que teña forma de dispositivo independente en vez de ser simplemente un asistente virtual instalado no smartphone.

PUBLICIDADE