Cesan as emisións en SD na TDT

mércores, 14 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

A partir de hoxe as Televisión Dixital Terrestre (TDT) conta só con contidos que como mínimo emitan en alta definición (720p), dicindo adeus ás emisións en definición estándar, o que supón un importante salto de calidade.
Este cambio tivo que forzarse por parte da Administración despois de que tras moitos anos con televisores en alta definición instalados nos fogares de xeito masivo canles como FDF, Divinity, Energy ou Boing mantivesen as súas emisións cunha calidade lamentable, mentres que outras plataformas desaproveitaban o espectro radioeléctrico ao facer emisións simultáneas en SD e HD.
A partir de agora só se mantén unha emisión en simulcast, pero non en SD e HD, senón en HD e UHD, xa que La 1 de TVE comezou a ofrecer as súas emisións en 4K para todo o territorio español, deixando de ser unha canle en probas.
Estímase que máis do 98% dos televisores actuais poden recibir as emisións en alta definición, e o resto poderán seguir facéndoo con adaptadores externos, aínda que si existe un escenario no que o cambio pode supor unha molestia superior a resintonizar as canles, que sería cando a TDT se recibe por satélite, pois nalgunhas instalacións os receptores empregados non soportan a HD, e habería que substituílos (para o que existen liñas de axudas).
Cómpre salientar que o salto de calidade non se dá só nas canles que emitían en SD, senón que boa parte das canles en HD tamén melloran, xa que aproveitan o espazo que deixan libre algunhas canles en SD que deixan de emitirse e, nalgún caso, tamén aproveitan a ocasión para mudar o codec empregado, sendo un dos casos máis notables o de Teledeporte (o que se agradece especialmente, xa que as retransmisións deportivas son moi susceptibles ás elevadas taxas de compresión do vídeo).

PUBLICIDADE