O ecosistema emprendedor galego recollido nunha páxina web

mércores, 17 de abril do 2024 Redacción

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe na conmemoración en Galicia do Día Mundial do Emprendemento, un acto que aproveitou para dar conta do lanzamento do denominado Mapa de emprendemento, un espazo virtual que integra por primeira vez o ecosistema galego de apoio ao emprendemento con todos axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio.
González destacou, no acto celebrado esta mañá na Cidade da Cultura, que a Xunta seguirá a impulsar o emprendemento e fará un “esforzo importante” para reforzar o acompañamento ás persoas cunha idea de negocio.
O conselleiro referiuse á Rede de polos que, con 13 centros abertos, estase a consolidar como dinamizadora da economía, en especial no rural, ao se nutrir das novas ideas e oportunidades relacionadas, entre outros ámbitos, coa tecnoloxía, o turismo, as enerxías renovables ou as producións orgánicas. A idea, remarcou, é chegar aos 15 centros máis un que atuará como coordinador, e avogar polo acompañamento de xeito máis intenso.
A Rede asesorou desde a súas estrea, hai algo menos de dous anos, máis de 1.600 proxectos. Os promotores atopan nestes centros apoio técnico e experto para o inicio ou renovación dos seus negocios en todas as etapas.
O representante autonómico quixo destacar, por outra banda, a aposta pola remuda, unha necesidade que, dixo, hai que atender para evitar que morra o ecosistema comercial das localidades galegas.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten en marcha, no marco da Rede de polos, un programa específico de remuda, cun cento de empresas adheridas, coa finalidade de garantir a súa supervivencia, poñendo en contacto a persoas que cesan a súa actividade coas interesadas en retomala.
Na mesma liña, González sinalou a importancia de seguir a potenciar e dinamizar o emprendemento na economía social. Estes modelos promoven valores como a igualdade ou a solidariedade e antepón os intereses da colectividade.

PUBLICIDADE