O curso de creación de novas con móbiles celebrarase os días 29 e 30 de abril na USC

luns, 15 de abril do 2024 S. P.

A creación de novas con dispositivos móbiles será o tema a tratar no curso que se impartirá na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela os días 29 e 30 de abril, a responsábel de impartilos será a xornalista dos Servizos Informativos de RTVE, Montserrat Rigall, experta en xornalismo móbil (Mobile Journalism -MoJo-, en inglés), e especializada en Intelixencia Artificial. Nestas xornadas afondarase na creación de novas con dispositivos móbiles e en diferentes ferramentas e aplicacións para optimizar e posibilitar esta nova práctica profesional.
Dicir que esta iniciativa, organizada pola Cátedra RTVE-USC, o Proxecto Valcomm, o grupo Novos Medios, o grupo de innovación docente IDESVIR e a Cátedra CIRCOM, será de balde para as 20 persoas participantes, que recibirán un certificado de participación. As persoas candidatas deberán ser graduadas en xornalismo e serán seleccionadas por orde de inscrición. O único requisito técnico preciso será o acudir ás sesións con smartphones con cámara integrada e conexión a internet. Con todo, as persoas asistentes poderán empregar libremente calquera ferramenta que mellore a calidade
da gravación, como trípodes, estabilizadores de imaxe ou micrófonos de solapa adaptados a móbiles.
Indo ás xornadas, na primeira delas Rigall profundará nos conceptos e consellos fundamentais para executar prácticas de xornalismo móbil de calidade, e concretará diferentes ferramentas e aplicacións útiles para a realización de MoJo. Na sesión de tarde, o alumnado disporá de tempo libre para gravar e producir as súas propias pezas, que serán visionadas, revisadas e optimizadas na xornada do martes, día 30 de abril.
Para máis información, contactar a César Fieiras, profesor de Xornalismo e Comunicación Audiovisual na USC responsábel da iniciativa (cesar.fieiras.ceide@usc.es)
Programa curso MoJo
Luns, 29 de abril
· 9 a 13 horas: Sesión formativa sobre Mobile Journalism e aplicacións MoJo
· Xornada de tarde: sesión libre para a elaboración de pezas informativas MoJo
Martes, 30 de abril
· 9 a 13 horas: Sesión de visionado, revisión e perfeccionamento.

PUBLICIDADE